Gentle Giant foi unha banda británica de rock progresivo activa entre 1970 e 1980. O grupo foi coñecido pola complexidade e sofisticación da súa música e polas variadas habilidades musicais dos seus membros, sendo todos eles multiinstrumentistas. Aínda que non tivo éxito comercial, a banda acadou un seguimento de culto.[1]
A banda dixo que o seu obxectivo era o de "expandir as fronteiras da música popular contemporánea co risco de volverse moi impopular",[2] aínda que esta postura cambiaría significativamente co tempo.
A música de Gentle Giant foi considerada complexa incluso para os estándares do rock progresivo, baseándose nunha ampla gama de estilos como folk, soul, jazz e música clásica. A diferenza de moitos dos seus contempporáneos no rock progresivo, as súas influencias "clásicas" ían máis aló do Romanticismo e incorporaban elementos da música de cámara medieval, barroca e modernista. A banda tamén tiña gusto por temas variados para as súas letras, inspirándose non só en experiencias persoais, senón tamén na filosofía e nos traballos de François Rabelais e R. D. Laing. En 2015 gañaron o premio á traxectoria nos Progressive Music Awards.[3]