Saltar ao contido

Exvoto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exvoto
 Subclase de
Fontes e ligazóns
Redes
BNE: XX529904
Wikidata C:Commons
Exvoto mural de Domingo de Carranza, de 1606, Capela da Nosa Señora das Virtudes, Ribadeo.[1]

Un exvoto é unha ofrenda que os xentís facían ós seus deuses como promesa se se alcanzaba o favor que se lles pedía, ou en agradecemento por telo conseguido. Estas ofrendas depositábanse en santuarios ou lugares de culto e podían tomar a forma de persoas, animais, armas, alimentos etc.

Cumprimento do voto, por M. Ramos.

Posteriormente este símbolo das súplicas dos fieis foi adoptado polo cristianismo, baixo a forma de ofrenda á Virxe ou ós santos, deixada polos fieis, en busca dunha curación ou remedio ás súas doenzas e preocupacións, ou ben de agradecemento pola consecución dunha graza solicitada anteriormente (é dicir, unha ofrenda a priori ou a posteriori). O teólogo Andrés Torres Queiruga ve nesta ofrenda unha forma de contraprestación ou relación case comercial: eu douche isto se ti me curas.

Son frecuentes nas inmediacións ou altares de calquera centro de peregrinación, pero tamén se poden ver en igrexas ou santuarios alleos a calquera circuíto de peregrinación. Habitualmente adoptan a forma de figuras de cera antropomorfas (de corpo enteiro, de partes do corpo ou órganos internos), como unha evocación da doenza para a que devoto implora curación; pero tamén son frecuentes as figuras de animais domésticos, de barcos ou mesmo casas.

Sábese que na antiga Mesopotamia e mais no Antigo Exipto se ofrecía como exvoto parte do botín de guerra conseguido nas campañas exitosas, costume que se seguía practicando en Grecia e Roma.[2]

Horacio (s. I a.C.-I d.C.) conta que os romanos ofrecían figuras humanas ou de partes do corpo para agradecer ós deuses a curación, e o bispo Gregorio de Tours (s. VI) conta o mesmo dos pobos xermánicos.

Tómase como a referencia documental máis antiga algunha das Cantigas de Santa María (do século XIII), como a que representa a imaxe dun cativo dos mouros que entrega á Virxe a súa figura feita de cera. Noutra cantiga (a número 178) cóntase que a un home lle morre unha mula e ofrece á Virxe de Salas un cirio da mesma medida para que a resucite. Un terceiro exemplo conta como unha muller estéril de Daroca (Zaragoza) promete á Virxe, de quedar preñada, o peso do meniño en cera, pero o caso é que despois de parir non cumpriu a promesa e morreulle o neno.

Hai constancia documental da condena á colocación de exvotos (ou de certo tipo de exvotos) nos altares das igrexas. Nunha visita pastoral á Maía realizada en 1791, prohíbese que se expoñan en altares ou próximos a estes figuras de brazos, pernas e outras figuras de cera que por pudor non se nomean, en clara alusión ós exvotos de peitos e penes que ás veces poden verse expostos. A prohibición repítese noutros sínodos posteriores.

E no mesmo sentido, certas personalidades civís tamén mostraban o seu rexeitamento. Pardo Bazán escribía: "Hay en los templos multitud de exvotos de cera, de pies, manos, brazos, piernas, cabezas, y además otros fragmentos del cuerpo humano menos fáciles de nombrar". E pedía ás autoridades eclesiásticas que unicamente se permitieran "aquellos que o pudor no obligue a volver la cara a la pared".[3]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os exvotos máis frecuentes están realizados en cera, pero tamén os houbo feitos de madeira.[4] Existen exvotos feitos en metais preciosos, como ouro (principalmente, corazóns, como poden verse no Santuario da Franqueira, na Cañiza) ou prata (na igrexa de San Salvador de Portodemouros, en Vila de Cruces, Pontevedra, exponse un cadro no que un devoto ofrece á Virxe un brazo de prata). Tamén son exvotos en metais nobles os obxectos de culto ofrecidos, como un cáliz no Mosteiro de San Salvador de Celanova (Ourense) ou unha coroa e unha cruz en Santa Mariña de Augas Santas (Allariz, Ourense).

Igrexa da Vera Cruz, no Carballiño (Ourense)

O formato habitual do exvoto é a figura humana, xa sexa de corpo completo ou ben de partes do corpo. Cando se representa un corpo humano completo pode ser masculino ou feminino, e de adulto ou de meniño (neste último caso, a intención do devoto sería a de conseguir unha xestación feliz). Fuentes Allende cita a existencia en tempos recentes de parellas humanas, sexa home e muller, dúas mulleres ou dous homes, que adoitan ofrecerse unidas entre si cunha cinta, e fai notar que por veces se ofrecen ocultos nunha bolsa de plástico, como para preservar o anonimato.

No segundo caso ofrécense diferentes partes do corpo: cabezas, ollos, brazos, manos, pernas, pés, peitos, xenitais, etc., cos que se concreta o lugar onde radica a doenza para a que se pide curación. Neste caso, a petición faise ó santo avogoso para esa doenza en concreto: cabezas na romaría das cabezas ó santuario da Armenteira (Meis, Pontevedra), ollos a Santa Lucía, pernas a San Roque ou a gorxa a San Brais.

Pero tamén se ofrecen figuras de órganos internos, normalmente corazóns. No Museo Etnográfico Liste, de Vigo, exponse unha ampla colección de exvotos, e entre eles uns intestinos.

Existe unha forma de exvoto, pouco frecuente, que cabe relacionar cos citados: a representación simbólica da enfermidade que padecía o ofrecido, sexan as muletas dos eivados ou o cadaleito no que ía ser enterrado. Estes últimos continúan ofreciéndose en distintos lugares, como na romaría de Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra).

Os propios cirios ofrecidos ó santo, que adoita especificarse que sexan do mesmo grandor que a persoa enferma,[5] son outra forma de exvoto.

San Salvador de Meis (Pontevedra)

Ademais de figuras humanas, son frecuentes as figuras de animais, sobre todo vacas e porcos, xa que son o gando que máis preocupa -ou preocupaba- ó campesiño galego; pero tamén se poden ver ofrendas de capóns e años e mesmo de cacheiras, xamóns ou touciños. Nas figuras de vacas obsérvase un cambio morfolóxico nos últimos anos: o tamaño do ubre adquire maior relevancia, porque se pide unha maior produción de leite; cambio que reflicte a substitución do gando de traballo polo gando de produción leiteira. No caso dos exvotos en forma de cadros pódese ver con frecuencia a ofrenda de animais á Virxe como compensación ou agradecemento, e así hai cadros nos que se ofrecen mulas, cabalos, vacas, bois (por veces parellas de bois e mesmo co carro e todo, como no Santuario da Nosa Señora da Escravitude, en Padrón) e becerros.

Ultimamente, tamén poden verse exvotos coa figura de mascotas: cans e gatos.

Todas estas figuras en cera quedarán no altar ou ó pé do santo durante un tempo, para ser finalmente vendidas ó peso a algún cereiro e dedicar ó culto o diñeiro recaudado. Outra posibilidade é almacenalas en caixas, clasificadas tematicamente, para poder ser adquiridas por novos fieis.

Un tipo particular de exvotos son os cadros votivos nos que, dunha forma certamente inxenua, se representa unha ofrenda ou, máis frecuentemente, un acto de agradecemento. Nestes cadros inclúese na zona inferior unha lenda na que se expresa o motivo, o nome do oferente ou do enfermo, a data e a doazón que se fai ou se promete. E así podemos ver pintado o enfermo (no leito ou axeonllado), a Virxe ou santo á quen se lle pide curación e o boi ou besta que se ofrece. En Vilaselán (Ribadeo, Lugo) exponse un cadro deste tipo no que uns mariñeiros están a piques de naufragar baixo un temporal e, unha vez sans e salvos en terra, visitan o templo e entregan esmolas para unha misa e o propio cadro como memoria do milagre.

A modo de exemplo, nun exvoto do santuario da Virxe do Camiño, en Muros (A Coruña), pódese ler a seguinte explicación:

"D. JOSÉ PEREZ LORENZO, VECINO DE STA MARIA DE LOS ANGELES, RESIDENTE EN LA YSLA DE CUBA, FUE ATACADO DE UNA ENFERMEDAD NERBIOSA Y ACONSEJADO POR LOS FACULTATIVOS DESPUES DE HABER AGOTADO TODOS LOS RECURSOS DE LA CIENCIA, SE RETIRÓ A SU PATRIA, EN LA QUE FUE DESAUCIADO POR LOS MEJORES MEDICOS EN CUYO CASO, PADRE E HIJO RECURRIERON AL AMPARO DE LA SANTISIMA VIRGEN DE LA ESCLAVITUD, OFRECIENDOLE UN PAR DE BUEYES QUE PRESENTARON EL 8 DE SETIEMBRE DE 1865. HABIENDO RECOBRADO PERFECTA SALUD"

Directamente relacionados con estes exvotos en cadro estarían as fotografías das persoas curadas ou ofrecidas, como as que se conservan por centos no santuario da Nosa Señora do Corpiño, en Lalín, ou en San Campio de Figueiró.

Barcos na igrexa de San Telmo, patrón dos mariñeiros, en Tui

Son moi frecuentes as maquetas de barcos, e non só nos santuarios costeiros (como no Santuario da Virxe da Barca, en Muxía, A Coruña) senón tamén nos do interior (na catedral de Ourense; no santuario dos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas, Ourense; ou no santuario das Ermidas, no Bolo, Ourense). Poden estar feitas de modo simbólico ou cun carácter realista, e adoitan ser barcos pesqueiros pero o certo é que tamén existe unha maqueta do buque escola Juan Sebastián Elcano ou do Blas de Lezo, en Muxía; ou dun barco do Senegal. Resulta imposible saber se estes barcos foron ofrecidos en agradecemento por salvarse dun naufraxio ou tras regresar felizmente dunha travesía, ou ben se foron ofrecidos nun momento de perigo e entregados unha vez superado este.

E, finalmente, cómpre citar as ofrendas de millo, centeo, trigo ou patacas nunha cantidade equivalente ó peso da persoa enferma. Nun cadro conservado na igrexa de San Bieito, en Cambados (Pontevedra), ofrécese o peso dun rapaz enfermo en millo. No santuario de San Campio, en Figueiró (Tomiño, Pontevedra), consérvase a báscula que se empregaba para esta ofrenda.

  1. Exvoto mural 100 Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura.
  2. Foron famosas, pola súa riqueza, as ofrendas e exvotos doados ó santuario de Apolo no templo do Oráculo de Delfos, destacando o Tesouro dos Atenienses e o Tesouro dos Sifnios.
  3. Citado por Xosé Fuentes Allende nas conferencias organizadas polo Museo de Pontevedra sobre a relixiosidade popular.
  4. Como os que se conservan na capela de San mauro, en Salvaterra de Miño, Pontevedra.
  5. Nunha manda testamentaria de 1391, dunha muller de Viveiro (Lugo), pide ós herdeiros "yr por min en romaría a Santo André de Teixido, porque llo teño prometudo, et que lle poñan eno seu altar huna candea tamaña como he huna muller do meu estado".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]