topografía

topografía

(< topo- + -grafía)

  1. s f [XEOG]

    Técnica que determina a forma e as dimensións dun terreo ou lugar da superficie terrestre para representar graficamente as súas características físicas. Así, elabóranse os mapas topográficos,represetacións gráficas das características físicas da superficie, que se denominan planos topográficos se o terreo representado é de pouca extensión. As súas principais aplicacións son a navegación, tanto marítima como aérea, a construción de canais e estradas, as operacións militares, a determinación das superficies agrarias ou o catastro. Unha das súas operacións fundamentais é o levantamento topográfico, co que se determina a posición relativa dunha serie de puntos do terreo, escollidos previamente, e, dunha maneira xeral, consta de dúas fases: unha que serve para determinar a proxección horizontal dos puntos escollidos sobre un plano de referencia (ademais doutros puntos de referencia dunha rede xeodésica), levantamento planimétrico, e outra, que determina a distancia vertical de cada un destes puntos ao mesmo plano de referencia, levantamento altimétrico. Nalgúns casos determínanse simultaneamente estes dous parámetros, trátase do levantamento taquimétrico. En cada país son determinadas e sinaladas convenientemente diferentes redes xeodésicas, que se diferencian no número de puntos que conteñen, e cada unha delas está destinada a un tipo determinado de tarefa. Tras o levantamento dun terreo, pódese realizar un plano do mesmo, para o que se procesan os datos obtidos e se transforman en puntos e liñas sobre un papel de acordo cunhas normas establecidas. Actualmente mellorouse a precisión dos traballos topográficos empregando métodos fotogramétricos.

  2. s f [MED]

    Descrición dunha parte ou dunha rexión anatómica determinada.

Palabras veciñas

topless* | topo -pa | topo- | topografía | topográfico -ca | topógrafo -fa | topoloxía